A ermida de San Xoán de Pousada, na parroquia de San Tomé de Ames, Concello de Ames, foi fundada no século XVII e reconstruida no XVIII. Segundo a tradición foi construída por varios irmáns, un da aldea de Pousada, outro de Pegariños e un terceiro de Castiñeiro do Lobo e por este motivo levantouse a ermida no punto xusto no que veñen a xuntarse os términos das tres poboacións. Desde ese lonxanos tempos, os veciños das aldeas traballaron para conservar este pequeno e sobrio edificio e, xa desde entón, reúnense alí na véspera do santo para celebrar unha romería na súa honra. Esta festa do San Xoanciño, que é como se coñece popularmente, celebrase aínda hoxe en día e no día do santo sacan en procesión unha pequena imaxe de San Xoán, da que a festa toma o seu nome.
Non é xa que logo unha gran festa, como a de Ortoño, pero ten unha fondísima tradición e sobre todo o valor de ter chegado a nós grazas ó esforzo de xeracións de veciños que loitaron por conservar a súa pequena igrexa e a súa festa.
Os veciños destas aldeas toman nestes días o relevo e están traballando na rehabilitación do templo e nós colaboramos con eles. Elaboramos para este caso concreto un pequeno plano director, que deberá guiar as tarefas de rehabilitación do edificio, de restauración das imaxes e de reconstrución do antigo retablo, hoxe desmontado. Requeriráse moito diñeiro e esforzos pero, sen dúbida, pagará a pena.
Xov
13
Xan '05


Deixa o teu comentario »